Vigo contará con tres destinos internacionais ata o remate de 2025

1 minutes read

Así o anunciou o alcalde da cidade, Abel Caballero, en rolda de prensa. O Aeroporto de Vigo terá tres rutas internacionais ata o 31 de decembro de 2025. O alcalde anunciou que o concurso para a promoción turística e potenciación de actividades económicas da cidade a través da conectividade aérea directa incluirá Londres, Bruxelas e un terceiro destino a elixir polas compañías entre Düsseldorf, Ámsterdam ou Dublín.

Segundo Caballero, a idea é comezar a operar o 1 de novembro, deste xeito haberá conectividade internacional co aeródromo vigués ata, como mínimo, finais do ano 2025. “O obxectivo é consolidar o aeroporto de Vigo. Máis adiante tamén queremos voar a París”, matizou.

O rexedor xustificou a elección destes voos, por exemplo con Londres polas boas relacións e “ser de vital importancia capital para a cidade”; Bruxelas pola conectividade coa área e ser o eixo central da UE; Düsseldorf e Ámsterdam pola importante actividade turística e ser aeroportos “hub”; e Dublín, que “foi unha ruta que xa tivera Vigo e funcionou moi ben”, explicou. Para Caballero “calquera das tres opcións é boa para a cidade”.