A Xerencia de Urbanismo aprobou este martes a incoación do expediente para a aprobación de convenio patrimonial e urbanístico entre o Concello de Vigo e Adif, polo que a entidade cede unha parcela en Serafín Avendaño, da súa propiedade, destinada a viario público, outra parcela situada na rúa Callao e outra situada en Canadelo Baixo. O goberno municipal permuta con Adif unha parcela na rúa Aragón en compensación pola de Serafín Avendaño.
O alcalde avanzou que “imos humanizar todo iso, facendo unha nova rúa” desde García Barbón, subindo por Serafín Avendaño, onde estará o ascensor Halo, continuando por Callao e, a través da parcela de Adif onde estaba a traza do antigo ferrocarril de baixada ao Porto de Vigo, conectar con Canadelo Baixo e saír á zona do nó de Isaac Peral. Deste xeito “faremos unha rúa paralela a García Barbón” e ao chegar a Isaac Peral, engade Caballero, enfronte está a rúa Vista Alegre, que permite conectar coa zona dos institutos de Teis “unha forma magnífica de abrir un novo modo de entender a cidade”.