Vigo será o epicentro da maxia a nivel mundial


A I Gala Internacional de Maxia Xacobeo 21-22 que terá lugar no Teatro Salesianos de Vigo o vindeiro 6 de decembro ameaza con ser a mellor de todas cantas se recordan en España. Así o destacaron, coincidindo coa súa presentación, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o coordinador e director artístico Roberto Lolo.
“Nunhas datas tan máxicas como son as festas do Nadal non podía faltar unha programación á altura, cun cartel de luxo que fará coincidir no mesmo escenario aos mellores artistas nacionais e internacionais e que, ademais, se celebrará na nosa cidade”, apuntou Fernández-Tapias.

A I Gala Internacional de Maxia Xacobeo 21-22 contará así con magos da talla de Juan Tamariz, lenda viva da maxia no noso país; Dani Daortiz, considerado o mellor cartomago do mundo; a maga venezolana Dania Díaz, semifinalista de Got Talent América e dobre botón de ouro na versión española, todo un prodixio; Mag Lari, recoñecido como un dos artistas máis influentes, populares e televisivos do panorama actual; Yann Frisch, o mellor do mundo segundo a Federación Internacional da maxia; e o mentalista de referencia nacional e internacional, Anthony Blake.

Unha constelación de seis estrelas máxicas nun evento único, nunca visto en España que estará dirixido por un dos magos galegos máis recoñecidos e admirados en Galicia e respectados a nivel nacional, Roberto Lolo, do que acentuou o seu característico humor e a súa capacidade de improvisación.