Vigo dispara ata os 285 millóns de euros o seu orzamento para 2022


O Concello elevará o seu orzamento a cotas históricas no ano 2022, un 8,14% máis que no presente ano, ata os 285,5 millóns de euros. O goberno vigués prevé aprobalo inicialmente a próxima semana, segundo avanzou Abel Caballero.

Os 285,5 millóns para 2022 superan amplamente os 264 millóns deste ano. “No ano 2022 imos investir en Vigo 21 millóns de euros máis que no ano 2021”, valorou o alcalde, quen puxo en valor que este incremento faise “con conxelación de todos os impostos e taxas”. Caballero estimou en catro millóns de euros a contía que o Concello deixa de ingresar ao non aplicar o IPC, inflación que acadou o 4% interanual en España no mes de setembro.

Por outra banda, Caballero comunicou que o montante total en bonificacións e exencións fiscais aplicadas polo Concello ascende a 17 millóns de euros. A metade procede das taxas e prezos que a cidade non cobra, por exemplo a clubs deportivos polo uso de instalacións deportivas municipais ou os cidadáns que non abonan o lixo por criterios de renda. Ademais, case 5 millóns de euros de bonificación polo IBI, outros 2 millóns no imposto de vehículos, 1,1 millóns en Plusvalía, 215.000 euros no IAE e outros 235.000 euros euros máis no ICIO.