Vigo e Comunidade Valenciana buscan reforzar lazos empresariais e conexións aéreas


O alcalde, Abel Caballero, e o presidente, Ximo Puig, avogan por un enlace diario Vigo-Valencia e abrir unha nova ruta entre a cidade olívica e Alacante, como vía para “aumentar eses espazos de encontro de carácter comercial” entre “dous territorios cunha economía tan potente e tan forte”.

Abel Caballero agradeceu a visita de Ximo Puig, a quen definiu como un “bo amigo, alcalde de Morella durante tantos anos e político no ámbito español”, entón con “visión municipalista” e agora tamén con “liderado no ámbito da Comunidade Autónoma”.

Puig, pola súa banda, louvou a “gran labor” de Caballero á fronte do Concello de Vigo e erixiuno como “exemplo” da política municipal tamén polo seu “liderado” á fronte da Federación Española de Municipios e Provincias. “Todo o meu afecto, felicitación e recoñecemento polo gran traballo que está a facer na cidade”, concluíu o mandatario autonómico.