Vigo está agora “no lugar que tiña que ocupar en Europa”, di o alcalde

1 minutes read

No transcurso da presentación do número monográfico sobre Vigo, que publica a Revista de Obras Públicas, Abel Caballero puxo en valor o “proxecto apaixonante” desenvolvido ao longo dos seus 15 anos de goberno “transformando a cidade”.

O acto, celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia, contou coa participación de David Regades, delegado de Zona Franca en Vigo; a concelleira de Urbanismo, María José Caride; Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia; Pablo Otaola, coordinador do número sobre Vigo da Revista de Obras Públicas; Miguel Ángel Carrillo, presidente nacional do Colexio de Enxeñeiros de Camiños e Carlos Nárdiz, director da Revista, que destacou a historia da cidade e a aposta do Concello pola rexeneración urbana a través da peonalización.

Caballero salientou que un dos obxectivos destes quince anos de goberno era “que Vigo ocupara o lugar que tiña que ocupar en Europa e xa o ocupamos. Xa é unha cidade referenciada. Queríamos un proxecto de unidade política e témolo”. Amais, avanzou que este ano o Concello poñerá en marcha 138 novas inauguracións”; proxectos que é posible levar adiante grazas a unha economía municipal saneada con débeda cero e unha baixa presión fiscal. “Somos a cidade da economía. Só dependemos de nós”, concluíu.