As persoas con mobilidade reducida que fagan uso do aparcamento municipal gratuíto xunto ao hospital Álvaro Cunqueiro atoparán as prazas reservadas nunha zona con máis fácil acceso, segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, quen anotou ademais que o Concello aproveita o aglomerado para retocar a entrada de vehículos. O goberno de Vigo destina case 100.000 euros a unha obra que estará concluída este luns.
O estacionamento municipal gratuíto “está funcionando moi ben” e Caballero avoga por construír un segundo á altura da primeira rotonda da Avenida Clara Campoamor, entrando desde Castrelos. O alcalde instou á Xunta a traspasar ao Concello unha parcela da que dispón alí -con cualificación urbanística apta para ese uso- para abrir un segundo aparcamento de balde, “pero a Xunta non a quere vender porque quere esquilmar á xente de Vigo pagando aparcamentos no hospital”. Tamén demandou da Xunta converter en gratuíto o parking do Álvaro Cunqueiro, xa que “o que fan cos aparcamentos é aproveitar a enfermidade da xente para recadar”.
