O Concello de Vigo calcula que a apertura dos 142 parques infantís da cidade respectando as condicións establecidas pola Xunta de Galicia custará medio millón de euros ao mes, 6 millóns de euros anuais. De engadirse os parques biosaudables e as pistas deportivas situadas en zonas verdes, que suman un total de 305 espazos, o custo ascende a 1 millón de euros mensuais, 12 millóns ao ano.
Así, o alcalde, Abel Caballero, explicou en rolda de prensa que nos próximos días abrirán algúns destes espazos en función da relación uso-custo, dado que o Concello «non pode dedicar 12 millóns de euros anuais a manter abertas estas instalacións», xa que este investimento soamente cubre o cumprimento das condicións de seguridade, limpeza, desinfección e control do aforo que establece a normativa da Xunta. Así, demandou ao goberno autonómico que asuma este custo, ao ser un gasto derivado da pandemia.