Vigo estrea aplicación pioneira en Europa para compartir taxi

1 minutes read

A app Compartaxi xa está dispoñible para descarga nas principais plataformas e permite tanto pedir como compartir un taxi, abaratando o seu custo. O alcalde, Abel Caballero, que saudou con entusiasmo a proposta, participou na presentación xunto ao presidente da Central Radio Taxi Vigo, Manuel Chorén, e o director de YoTaxi, Héctor Prego. Segundo sinalan os promotores, Vigo converteuse nos últimos anos nunha das cidades máis punteiras de España e o sector do taxi debe seguir crecendo e adaptándose a este continuo crecemento. Compartaxi forma parte dunha nova revolución de consumo mundial: a economía colaborativa. A tecnoloxía está a cambiar modelos de negocio tradicionais ao enfocarse realmente nas necesidades dos consumidores e, neste sentido, o futuro do taxi pasa tamén por adaptarse ao que os usuarios demandan. Compartaxi é a app exclusiva para taxis oficiais, coa que os profesionais do taxi poderán prestar servizo a diferentes usuarios aforrando custos. Innovación e calidade únense para garantir a excelencia no servizo, unindo aos profesionais do taxi e aos clientes que se dirixen a un mesmo destino, algo que veñen reclamando os clientes desde hai tempo –sobre todo o público máis novo–.