A Xunta de Goberno aprobou a participación de Vigo na segunda convocatoria do Ministerio de Transportes de axudas a municipios para a implantación de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) e a transformación sostible do transporte urbano. En rolda de prensa, o alcalde Abel Caballero, lembrou que a Lei de Cambio Climático obriga aos concellos de máis de 50.000 habitantes á implantación destas áreas para o que aspira a obter fondos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.
Dentro das actuacións de tipo I, aquelas que recollen inversións para a implantación de ZBE, o Concello elaborou unha proposta na que se delimita unha superficie de máis de 67 hectáreas nas que se vai restrinxir a circulación dos vehículos máis contaminantes dividíndoa en catro áreas. Zona Centro: delimitada polo perímetro interior das rúas Cánovas del Castillo, García Olloqui, Plaza Compostela, Colón, Urzáiz, Magallanes, Gil, Ronda don Bosco, Paseo de Granada, Cachamuiña, Falperra, Pi i Margall, Llorente, Santa Marta, Conde de Torrecedeira, Gaiteiro Ricardo Portela, San Francisco, Berbés e Avda de Madrid (400.000 m²); zona Plaza Portugal,delimitada polo perímetro interior das rúas Uruguay, República Argentina, Cervantes, Urzáiz, Lepanto y Alfonso XIII (37.800 m²); zona Bouzas, delimitada polo perímetro interior das rúas Paseo Paz Andrade, Eduardo Caballo, Simancas, Camilo Veiga, Avda Atlántida (170.000 m²); e, por último, zona Calvario, delimitada polo perímetro interior das rúas Jenaro de la Fuente, Urzáiz e Gregorio Espino (64.000m2). A posta en marcha desta iniciativa ten un importe de 5.452.100 euros, dos que se solicitarán 4.055.281 euros.
A elección destas zonas vén determinada, segundo explicou, por criterios como a densidade de poboación, de intensidade, contaminación acústica, alternativas de alta capacidade aos itinerarios da zona e escasa proximidade a zonas verdes. O obxectivo é mellorar a calidade de vida da veciñanza.