Vigo insta ao Goberno de España a activar os mecanismos para frear o veto á pesca de fondo


A tenente de alcalde, Elena Espinosa, defendeu no Pleno que o regulamento europeo que veta a pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico debe modificarse baixo algúns parámetros: contar con informes científicos solventes e actualizados do impacto económico, contar con transparencia, realizando unha consulta aberta cos organismos consultivos da pesca e co sector e contar con regulacións graduadas e tendo en conta as diferentes artes de pesca.

Amais, a moción do grupo socialista insta á Xunta de Galicia a que apoie tódalas accións que o Goberno de España poña en marcha en defensa do sector pesqueiro e en concreto o impacto do regulamento de acceso aos fondos mariños e pídese que o presidente da Xunta manteña unha reunión urxente coa presidenta da Comisión Europea para frear a posta en marcha deste regulamento.

Defensa da frota pesqueira galega

A Corporación Municipal aprobou tamén a moción do concelleiro non adscrito en defensa da frota pesqueira galega fronte ao novo regulamento imposto pola Comisión Europea. A unanimidade do Pleno instou ao Goberno español a despregar tódalas accións que como estado membro poida exercer para lograr a anulación do regulamento imposto pola Comisión Europea, esixindo de inmediato a suspensión da entrada en vigor do regulamento. Amais Xabier Pérez Igrexas defendeu instar á Xunta de Galicia a convocar con carácter inmediato o Consello Galego de Pesca para organizar unha resposta unitaria de todo o sector do mar e todo o tecido social do país e que defenda a frota galega da pesca de artes de fondo esgotando todas as vías posibles que se consideren de acordo co sector.