Vigo investirá máis de 2 millóns de euros na rehabilitación de 42 vivendas


O alcalde, Abel Caballero, explicou que se trata dun programa de “grande importancia” porque permite mellorar as condicións de habitabilidade de vivendas que se construíron nos anos 50 e 60 e que, en moitos casos, están deterioradas.

Na Área de Rehabilitación do Conxunto Histórico do Casco Vello de Vigo acometeranse 42 actuacións por un importe de 821.000 euros. Na Área de Rehabilitación Integral de Bouzas o investimento será de 473.000 euros cun total de 23 actuacións. Na Área de Rehabilitación Integral de Bueu-Moaña, Polígono de Coia rehabilitaranse 80 vivendas por un importe total de 636.000 euros e en Santa Clara serán 12 actuacións cun investimento de 107.750 euros.

As 42 actuacións previstas supoñen un total de 2.038.000 euros que o Concello conveniará co Ministerio de Transportes.

Abel Caballero apuntou o investimento total do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 nas catro Áreas de Rehabilitación Integral de Vigo que suma 8.475.000 euros: 4 millóns no Casco Vello, máis de 2 millóns en Bouzas, en Coia 2 millóns de euros e en Santa Clara 341.000 euros.