A Xunta de Goberno Local, reunida este xoves en sesión extraordinaria, aprobou o expediente de contratación de servizos para a xestión sostible e integrada dos residuos, un contrato que aglutina os tres que existen co obxectivo de mellorar a eficiencia e disparar os niveis de reciclaxe da cidade.
Con esta licitación, segundo trasladou o alcalde, Abel Caballero, Vigo converterase en referencia municipal na xestión sostible dos residuos, ao adaptarse aos criterios europeos ao efecto. Por exemplo, Europa require que no 2025 se recolla tanto para reciclar como no contedor verde xeral, obxectivo que o Concello encara con este contrato agrupado, que sae cun orzamento de 421.892.156 euros por dez anos, con opción a dous máis de prórroga.
Hoxe en día, Vigo abona uns 42,5 millóns de euros anuais pola limpeza e xestión de residuos, incluíndo os 7,5 que lle paga a Sogama. A cidade ten tres servizos distintos contratados: un de recollida de papeleiras e mantemento destas e dos contedores, un segundo de recollida do verde, de limpeza viaria e das praias, e un terceiro para a recollida do reciclaxe e a limpeza dos contedores.
Unificalos nun único contrato procura unha maior eficiencia e incrementar notablemente os niveis de separación de residuos. Para acadar o obxectivo definido para 2025, Vigo vai estender o contedor orgánico (o de cor marrón), pasando das setenta unidades actuais ás 1.950 previstas. Tamén prevé instalar mil más de recollida separada de roupa, calzado e aceite doméstico (hoxe en día hai cincuenta de cada cal) e máis de 1.500 novos para papel, vidro, envases e pilas (agora hai 2.770). O alcalde informou tamén da renovación de mil contedores verdes polo novo modelo gris e da potenciación da recollida a domicilio de residuos voluminosos, eléctricos e restos de poda, entre outras.