“O 100% da enerxía eléctrica consumida no ámbito público de Vigo vai ser verde, todo de orixe renovable. Vigo lidera a utilización de enerxías renovables en toda a iluminación pública, os espazos e edificios públicos dependentes do Concello”, explicou Abel Caballero en rolda de prensa.
A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do subministro de enerxía para un ano, previsiblemente desde marzo de 2022 ata febreiro do 2023. Con posibilidade de prórroga por catro meses, o Concello reserva ao efecto un orzamento de 6.562.000 euros e incorpora a obrigatoriedade de que a electricidade proceda de fontes 100% renovables.
Desta forma, desde o ano que vén, todo o subministro que se empregue nos semáforos, no alumeado público, nas instalacións deportivas municipais, nos colexios públicos e nas dependencias do Concello, entre outras, será enerxía renovable. “Non emitiremos nin un gramo de CO2 á atmosfera”, valorou o alcalde.