Nunha edición especial marcada pola pandemia, FITUR amosou un Vigo renovado e en constante movemento, recentemente cualificada pola OCU como a urbe con maior calidade de vida de España, unha cidade que conserva a súa esencia e define o seu futuro. Acompañando ao vídeo de presentación, a cidade foi representada polos comunicadores vigueses Paula Montes e Miguel Lago e polo alcalde, Abel Caballero.
“Vigo é a mellor cidade do mundo. É a visión dos vigueses e das viguesas”. O rexedor comezou así a súa intervención ante un aforo reducido polo Covid, explicando que “a nosa cidade é a nosa casa, por iso Vigo é tan especial, pola súa xente”. Caballero presumiu de que na cidade “está todo o que calquera busca para as súas vacacións” e citou o medio ambiente, as illas Cíes -”que serán Patrimonio da Humanidade”-, os “grandes movementos musicais e culturais”, as praias, unha gastronomía “excepcional” e O Marisquiño, “o certame urbano máis importante de Europa este verán”.
Por suposto o alcalde tivo verbas para o Nadal vigués, tamén recollido nalgunhas imaxes do vídeo de promoción, e afirmou que “este ano imos petar Vigo, haberá millóns de persoas que virán a Vigo” pola campaña, xa que “o Nadal ten un nome ao lado, que é Vigo”. Abel Caballero culminou a súa presentación subliñando que a urbe aglutina “o mundo nunha cidade, a mellor cidade que un poida imaxinar para pasar as súas vacacións”.