Vigo modifica a ordenanza da auga para iniciar o cobro por consumo

1 minutes read

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou que o Concello aprobou en Xunta de Goberno Local a modificación da ordenanza para a adaptación da tarifa da auga. “Iniciamos a andadura para un cambio con dimensión histórica, cunha formulación de base para facilitar unha utilización máis eficiente da auga”, sinalou o rexedor.

Caballero indicou que o primeiro requisito, a consulta pública, xa foi superada cun prazo de 20 días hábiles, e tras aprobación en Xunta de Goberno será necesario o ditame do Tribunal Económico de Vigo, o da Comisión de Facenda, a aprobación de emendas, o acordo provisional no Pleno, a segunda exposición pública con período de alegacións e a aprobación definitiva en Pleno Municipal.

A previsión do Concello é que a partires do 1 de xaneiro haberá unha nova forma de tarificar o recibo da auga, no que unha parte importante será o consumo e no que non haberá mínimos exentos como ata agora. Así, o alcalde explicou que a tarifa terá unha parte fixa e outra variable en función do consumo. A parte fixa son os custes que se establecen polo mantemento das redes de abastecemento, rede de sumidoiros e depuración. “O que se chama estar conectado”, dixo.

Na parte variable ten que ver o consumo e o vertido á rede, que funciona con tarifas diferentes dependendo das cantidades. O primeiro tramo queda fixado en base ao que considera a OMS como cantidade necesaria para vivir en condicións de hixiene e saúde, entre 50 e 100 litros por persoa e día.