O Bloque Nacionalista Galego demandou desde Vigo que tanto a Xunta de Galicia como a Inspección de Traballo actúen en Povisa, perante a falla de persoal e de medidas preventivas denunciadas a nivel sindical.
A fronte nacionalista mantivo un encontro coas seccións sindicais de CIG e CXT-SGPS no Comité de Empresa de Povisa, na que tomaron parte o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, a deputada e portavoz de Sanidade no Parlamento galego, Montse Prado, e mais a deputada por Vigo, Alexandra Fernández, e o deputado de Moaña, Paulo Ríos.
Diante da situación denunciada polos sindicatos, o portavoz municipal do BNG en Vigo esixiu que se actúe «para evitar que as 140 mil persoas adscritas a Povisa polo cupo do Sergas non sexan pacientes de segunda ou de terceira e menos neste contexto», para o que reclamou que se dote dos medios humanos e materiais necesarios para garantir a debida atención.