O Bloque Nacionalista Galego presentou este martes en Vigo as liñas mestras dunha campaña que van desenvolver, a nivel social e institucional, para demandar a mellora e potenciación da conexión ferroviaria da cidade olívica e a súa área.
En comparecencia pública, o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, defendeu a aposta estratéxica por unha mobilidade moderna e sustentábel, que vertebre a realidade metropolitana de Vigo e reforce a posición da cidade como nodo industrial e loxístico, para o que «é fundamental a mellora da conexión ferroviaria».
Neste sentido, Igrexas, que compareceu canda a deputada, Alexandra Fernández, e o deputado, Luís Bará, reivindicou que se asegure a conexión directa por alta velocidade coa meseta «no menor tempo de traxecto e sen ningún tipo de transbordo». Tamén demandou a urxente mellora da rede de media distancia, con maiores frecuencias e o abaratamento de tarifas, e volveu reclamar a posta en marcha do tren de proximidade (cercanías) que una a cidade polo norte coa área de Pontevedra e polo sur con Tui.