O Bloque Nacionalista Galego vén de iniciar unha nova ofensiva institucional para garantir a continuidade da actividade naval no antigo estaleiro Vulcano. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha batería de iniciativas tanto no Congreso, como no Parlamento galego, e dirixirase ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para instalo a que o Concello de Vigo se opoña á calquera intento no seo do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de resolver a concesión portuaria en vigor.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada nacionalista no Parlamento galego, Carmela González, mantiveron un encontro con representantes do Comité de Empresa da antiga Vulcano, hoxe estaleiro «San Enrique». No mesmo, puxeron en común a preocupación polas consecuencias que se poidan derivar da recente sentenza do Tribunal de Conflitos da Xurisdición ditada sobre a concesión portuaria do estaleiro de Teis.
Igrexas denunciou que a actual situación de incerteza que ameaza a continuidade do estaleiro é «resultado de dous factores». «En primeiro lugar, a ofensiva deliberada e descarnada do Partido Popular, na persoa de Enrique López Veiga, que como presidente da Autoridade Portuaria emprendeu unha campaña contra o naval que só perseguía desaloxar o estaleiro para dedicar esta parcela a outros usos», apuntou. No entanto, para o edil nacionalista esta acción non tería chegado tan lonxe de non contar coa «complicidade do Goberno español, de PSOE e Unidas Podemos». Neste sentido, denunciou o papel xogado pola avogacía do Estado durante o proceso de liquidación de Vulcano e singularmente a actuación do daquela Delegado do Goberno en Galiza, Javier Losada, que xirando un oficio de inhibición contra o Xulgado do Mercantil acabou desatando o proceso que desembocaría na recente sentenza.