Pide ao goberno de Abel Caballero que amplíe o número de citas dispoñíbeis -tan só 30 diarias na actualidade- ou prorrogue o prazo para os trámites ante a preocupación e as numerosas queixas por parte de familias da cidade.
«Hoxe xa non hai ningunha cita dispoñíbel e desde practicamente o inicio da convocatoria non había ocos para poder tramitar de forma presencial estas axudas que son vitais para cada vez un maior número de fogares», lamentou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que o prazo de solicitude conclúe o próximo 9 de agosto sen que moitas familias tiveran ocasión de obter aínda unha cita.
O edil nacionalista matizou que esta reclamación para ampliar as citas ou o prazo de solicitude non pode supoñer un «impedimento» para que estas axudas sexan resoltas antes do inicio do vindeiro curso, tal como reclamaron desde o propio BNG nos pasados días.