Vigo | Os servizos esenciais da pandemia e Susana Rodríguez Gacio, Medallas de Ouro da Cidade

1 minutes read

O Auditorio Mar de Vigo acollerá o vindeiro 15 de novembro a Gala de entrega dos galardóns Viguesas e Vigueses Distinguidos e o acto do Día de Galicia. Os dous eventos foran suspendidos por mor da pandemia e da climatoloxía, respectivamente.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, afirmou que propoñerá, en primeiro lugar, ao sector dos servizos esenciais de Vigo, que traballaron durante a pandemia para o benestar cidadán: supermercados, farmacias, panaderías, colectivos de limpeza e desinfección, ámbitos de atención sanitaria e parasanitaria, equipos tecnolóxicos e de telecomunicacións, colectivos de prensa e papelería, colectivos de transporte de mercadorías e de pasaxeiros que garantiron o abastecemento.

En segundo lugar, Susana Rodríguez Gacio será Medalla de Ouro da Cidade: medallista olímpica, deportista de nivel mundial cunha “dimensión deportiva excepcionalmente importante e unha dimensión humana inmensa, infinita, pola súa capacidade de actuar e estar ao carón de quen o precisaba durante tanto tempo”. Caballero destacou tamén que a súa acción deportiva “a fixo ser unha persoa referente neste planeta” salientando o seu triunfo nas Olimpíadas de Tokio.