“Dentro de catro días comeza o Nadal no planeta”, sinalou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e ante a previsión de choiva, o Concello estima que o acto de posta en marcha da iluminación será ás 7 da tarde se as previsións climatolóxicas non cambian.
O rexedor deu conta dalgunhas das medidas adoptadas no ámbito da seguridade para a xornada do vindeiro sábado 19 de novembro: o punto de encontro de nenos e obxectos perdidos estará situado na rúa Elduayen con Abeleira Menéndez e, en todo caso, de perderse algún neno, cómpre contactar con Protección Civil, Cruz Vermella ou a Policía Local. O centro de coordinación do evento estará na Casa Galega da Cultura, en Porta do Sol, mentres as ambulancias e os bombeiros quedarán situados en Elduayen. García Barbón con Pontevedra e a praza de Doutor Cadaval. A carpa do hospital de campaña sitúase en Doutor Cadaval e o posto de socorro en Elduayen con Abeleira Menéndez. “Imos darlle o máximo de seguridade – ao acendido- dacordo co plan de autoprotección”, explicou, que establece un máximo de 9.000 persoas no recinto pechado na contorna da árbore da Porta do Sol.
O Concello aprobou tamén o bando de paralización das obras durante o Nadal co obxectivo de facilitar a mobilidade no centro da cidade nun período de maior afluencia de persoas e vehículos.