Vigo proxecta un belén monumental de 100 metros cadrados

Belén de Vigo en 2017.

A planificación municipal para o próximo Nadal deu un paso máis este xoves, logo de que a Xunta de Goberno Local validase o expediente de contratación do belén monumental da Casa das Artes, un acordo para dous anos con opción de dúas prórrogas dun ano cada unha. Contará cun plan de seguridade e outro específico de cumprimento da normativa Covid.

“Este Nadal en Vigo volverá a haber un gran belén na Casa das Artes”, despois de que o pasado non se organizara polo Covid, asegurou o alcalde, quen avanzou que será “superlativo” e terá 100 metros cadrados: catorce metros de largo por sete de ancho. A exposición conxugará a escenografía tradicional do nacemento con polo menos cinco elementos identificables coa cidade de Vigo; Caballero puxo como exemplo unha lonxa de peixe, unhas salinas romanas, unha igrexa románica ou cesteiros.

O alcalde adiantou que o belén poderá ser visitado dous meses, desde o 15 de novembro ata o 15 de xaneiro, na sala ovalada da planta baixa da Casa das Artes, coa previsión de acoller tamén visitas guiadas para centros educativos, de trinta minutos de duración e grupos de trinta persoas como máximo.