Abel Caballero anunciou en rolda de prensa que o Concello percibirá 1.042.000 euros do ministerio de Industria, Comercio e Turismo polos seus proxectos presentados á convocatoria neste ámbito. Deste xeito, os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia adicaranse á remodelación e modernización do mercado de Teis e a mellora do comercio electrónico na cidade.
No mercado de Teis haberá unha remodelación física e modernización desta praza de abastos. Tamén apostarase pola dixitalización a través de información, a mellora dos procedementos e a experiencia de compra. Ademais, traballarase na sostibilidade cun consumo enerxético máis baixo e favorecer a economía circular. O importe concedido para esta acción polo Goberno de España é de 671.728 euros.
Por outra banda, outro dos proxectos aprobados polo mesmo Ministerio é a dinamización do comercio no eixo Bouzas-Teis que conta cun orzamento de 369.960 euros. Con isto, haberá nova sinalización no itinerario, rede de mupis dixitais interactivos e accesibles, unha plataforma para comercio electrónico no comercio local e servizos de asesoramento para a creación de tendas virtuais.