Vigo recupera o bando escrito por Xela Arias polo Día das Letras Galegas de 2001


As palabras que Xela Arias imaxinou para o Día das Letras Galegas de 2001 -adicado ao escritor Eladio Rodríguez-, e cristalizou no bando municipal daquel ano, verán novamente a luz este 2021. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, notificou este mércores que aquel será o bando do Concello para este 17 de Maio, que recorda a figura da propia Xela Arias.

Segundo leu Caballero en rolda de prensa, o texto comeza así: “A nosa si é unha lingua de encontro, foino hai xa ben séculos, de rei e trobadores, que lembramos ao transcribila e que manexaban campesiñas e mariñeiros. Poder ser hoxe en escolas e mercados, en barcos, bancos e centros comerciais, pode selo hoxe entre rapaces, meniños e maila xente de tropa que todos conformamos”.

Por último, o alcalde de Vigo agradeceu “infinito” á familia da autora o permiso concedido para que o Concello poida recuperar para este 2021 as verbas escritas por Arias vinte anos atrás, e que permitirán “encontrarnos coa súa memoria e a súa poesía”.