Vigo súmase á campaña en favor dos xoguetes non sexistas


O alcalde, Abel Caballero, agradeceu á presidenta provincial, Carmela Silva, o seu “traballo en favor da igualdade” e aludiu á “revolución permanente e imparable” que estamos experimentando na busca dunha nova forma de entender a vida a sociedade e a forma de participación da muller en tódolos ámbitos.

O rexedor trasladou o seu apoio á campaña que promove a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas que se amosará nas traseiras de dúas liñas do autobús urbano, a H e a L17, e coa que se proxectará un vídeo nas pantallas dun total de 37 liñas ata o 6 de xaneiro.

Para Carmela Silva estas campañas son moi importantes porque “van cambiando a conciencia do conxunto da cidadanía, das nais e dos pais, das persoas que regalamos xoguetes nestas datas”.

Ademais, a campaña inclúe a convocatoria dun concurso nos centros de Educación Primaria da provincia de Pontevedra no que as nenas e nenos teñen que deseñar unha personaxe, chamada Talento, coa que os gañadores crearán un conto xunto a unha escritora e unha ilustradora de recoñecido talento.

O concurso trata de tomar conciencia entre o alumnado sobre a necesidade de xogar sen estereotipos e entender que “o que importa é o talento, non ser nena ou neno”.