O alcalde da cidade, Abel Caballero, deu conta do acollemento en Vigo, a través do dispositivo de emerxencia, de 42 persoas ucraínas que se aloxaron en hoteis ou hostais namentres se van tramitando, entre outras xestións, a protección internacional nas dependencias policiais.
Así, o Concello é responsable de realizar o primeiro acollemento ata que a ONG Accem o tramita. Nestes momentos hai 6 persoas que entraron xa na primeira fase do programa de acollida: están nunha vivenda, na que foron empadroadas, dispoñen de tarxeta sanitaria e permiso de residencia e de traballo, tal e como establecen os dereitos fundamentais dos refuxiados, segundo a Carta da ONU.
O rexedor explicou que, amais, o Concello outorgou as tres primeiras bolsas de comedor para tres menores xa escolarizados en Vigo, unha xestión que se realizou coa apertura dun prazo extraordinario para estas familias ucraínas. Así mesmo, esta semana chegaron á cidade dúas familias con nenos con diversidade funcional e problemas de saúde, de maneira que se xestionou a disposición dun centro de día para un dos menores mentres o outro foi derivado ao Sergas.