- Dúas experiencias xurdidas ao abeiro de Mar e Rías: Pesca & Turismo permiten coñecer o territorio a través dos oficios, os saberes e as vivencias das persoas vinculadas ao mar
O GALP Costa da Morte incorpora dúas experiencias de turismo mariñeiro desenvolvidas no marco de Mar e Rías: Pesca & Turismo, un proxecto de cooperación no que participan os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia.
As propostas, creadas por persoas vinculadas directamente ao sector marítimo-pesqueiro, parten dos coñecementos e experiencias adquiridos durante as accións formativas do proxecto e permiten poñer en práctica o aprendido a través do deseño de experiencias adaptadas aos recursos e ás características de cada territorio.
Unha das iniciativas é “Vila Muxía”, unha experiencia desenvolvida por Santiago Pérez Haz, percebeiro profesional e promotor de AbruMar, que convida a descubrir Muxía e a súa estreita relación co mar a través da mirada de quen traballa nel.
A actividade desenvolverase o luns 7 de setembro, de 11:00 a 13:00 horas, con punto de encontro no M.E_ café, situado na Rúa Real, 27, de Muxía.
As persoas participantes percorrerán a Ruta dos Percebeiros de Muxía acompañadas por Santiago Pérez Haz. Os paneis interpretativos do percorrido servirán como fío condutor para falar do percebe, do seu hábitat, da lectura do mar, das técnicas de extracción, da seguridade e da xestión sostible do recurso, así como da cultura mariñeira da vila.
A experiencia terá tamén un importante compoñente persoal, xa que Santiago compartirá as súas propias vivencias como percebeiro: os seus primeiros pasos no oficio, as xornadas de traballo, a aprendizaxe para interpretar o mar, os riscos da actividade e o compañeirismo entre as persoas que desenvolven o seu traballo nas rochas da Costa da Morte.
O percorrido rematará nas instalacións de AbruMar, onde as persoas participantes coñecerán o proxecto de valorización dos produtos do mar desenvolvido pola empresa e poderán participar nunha degustación de produtos artesanais.
A segunda proposta é a “Ruta do Percebe de Laxe”, creada por Roberto Bárcia Toja, percebeiro en activo, que trasladará á experiencia os coñecementos adquiridos durante a súa propia actividade profesional e permitirá coñecer de preto o oficio e a relación desta profesión co litoral e coa cultura mariñeira da Costa da Morte.
A experiencia desenvolverase o martes 8 de setembro, de 17:00 a 18:30 horas, con punto de encontro no Hotel Náutico de Laxe.
Ao longo da ruta, Roberto compartirá cos participantes a súa experiencia como percebeiro e dará a coñecer diferentes aspectos relacionados coa actividade percebeira e co medio no que se desenvolve, achegando ás persoas participantes os coñecementos e prácticas vinculados á extracción do recurso. O percorrido permitirá tamén comprender como as mareas, o estado do mar e as características do litoral condicionan o traballo das persoas percebeiras.
A proposta permitirá descubrir o hábitat do percebe e afondar na relación entre o recurso, o ecosistema e o oficio, poñendo en valor os saberes que se transmiten arredor dunha actividade estreitamente ligada ao territorio.
Tanto “Vila Muxía” como a “Ruta do Percebe de Laxe” xorden do traballo desenvolvido nas accións formativas de Mar e Rías: Pesca & Turismo. Os seus promotores participaron no curso de Pesca Turismo e Turismo Mariñeiro, no que se traballaron ferramentas e coñecementos orientados ao deseño de propostas de turismo mariñeiro e pescaturismo a partir da experiencia e da realidade de cada territorio.
Estas experiencias permiten así levar á práctica os coñecementos adquiridos durante a formación e transformalos en propostas concretas vinculadas ao patrimonio, aos recursos e aos oficios do mar. No caso da Costa da Morte, as dúas iniciativas conectan o mar coa sociedade e poñen no centro ás persoas que viven e traballan nel.
Deste xeito, contribúen a valorizar o patrimonio marítimo-pesqueiro, os oficios tradicionais e a cultura mariñeira, ao tempo que exploran novas posibilidades de diversificación vinculadas ao turismo e á actividade pesqueira.
As persoas interesadas en participar en “Vila Muxía” ou na “Ruta do Percebe de Laxe” poden solicitar información e realizar a súa inscrición no teléfono 618 32 00 33. Ambas actividades son gratuitas.
O proxecto Mar e Rías: Pesca & Turismo, froito da cooperación dos oito GALP galegos, continúa así impulsando propostas que permiten descubrir a Galicia costeira desde a perspectiva dos seus recursos, dos seus oficios e das persoas que manteñen viva a súa cultura mariñeira.
