Vilamarín, primeiro concello galego en asumir o compromiso de neutralidade climática en 2050


O concello ourensán de Vilamarín acaba de adherirse ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, converténdose deste xeito no primeiro de Galicia e no sétimo en toda España en asumir como propios os novos obxectivos da UE na materia anunciados no mes de xullo e que implican, entre outros, a consecución da neutralidade climática no ano 2050.

Con esta nova adhesión —en vésperas do Día Mundial contra o Cambio Climático, que se conmemora este domingo 24 de outubro— son xa 273 os municipios galegos que forman parte do Pacto, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea en 2008 e que se converteu no maior movemento internacional para buscar sinerxías entre as distintas administracións ante o cambio climático, cunha mención especial ao labor dos concellos pola relación directa que teñen cos cidadáns.

Como concello asinante do Pacto das Alcaldías, Vilamarín deberá facer propios estes obxectivos por medio da adaptación de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables.

Ao mesmo tempo, tamén terá que traballar na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e no aumento da resiliencia fronte a este, así como no reforzo da cooperación coas autoridades locais e rexionais na UE e fóra dela, para mellorar o acceso á enerxía segura, sostible e alcanzable.