Na Laracha, a Asociación Cultural Adro de Vilaño presenta unha nova edición de Aldea Cultural, o proxecto de dinamización social e cultural que busca converter a aldea nun espazo permanente de encontro, aprendizaxe, participación e convivencia. Tras a programación desenvolvida durante a primavera, a iniciativa regresa no último trimestre do ano cunha proposta que pon o foco en actividades gratuitas ou de moi baixo custo e para todas as idades.
O programa comezará en outubro coa posta en marcha dun Club de Lectura, conducido por Sabela Laxe, e das clases de Escritura Creativa, coa escritora local María Rei. Dúas propostas que terán continuidade durante os tres meses e que buscan crear espazos estables nos que compartir o interese pola lectura e achegarse á creación literaria.
Tamén regresará Teatro en Familia, da man da actriz larachesa Patricia Cameán, cunha nova serie de encontros pensados para que nenos, nenas e persoas adultas se acheguen xuntos ao teatro a través do xogo e da expresión.
A programación de novembro ampliará as propostas comunitarias cunha Tarde de Xogos, aberta a todas as idades, e co Cineclub, que contará con sesións diferenciadas para público cativo e adulto. A elas sumarase un obradoiro sobre Manexo da ansiedade, impartido pola psicóloga Fany Gesto, e A Noite dos Faroliños, unha actividade familiar conducida por Patricia Cameán.
A divulgación científica volverá ter tamén o seu espazo dentro de Aldea Cultural coa colaboración da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío: o sábado 28 de novembro terá lugar unha Observación astronómica, e xa en decembro, “A Lúa, o noso satélite”, unha actividade familiar para coñecer mellor as fases, os movementos e a relación entre a Terra, a Lúa e o Sol.
Unha das citas destacadas de decembro será o evento social e divulgativo “Vivir moito e vivir ben. Xenética, saúde e lonxevidade”, prevista para o venres 18 na Casa da Cultura da Laracha. A proposta contará con Ángel Carracedo e incluirá tamén a proxección do documental “Mulleres de Vilaño”, abrindo unha conversa arredor da saúde, o envellecemento e a importancia da vida en comunidade.
O calendario completarase cun Obradoiro de adornos de Nadal, da man de Silvia Fraga, e coa Visita do Apalpador, o 24 de decembro, dirixida especialmente ao público familiar.
