Vilaño viviu unha xornada inesquecible coa celebración da VIII Carreira do Apóstolo

2 minutes read

Organizada pola Asociación Cultural Adro de Vilaño, máis de 1200 persoas entre corredores, andaríns, acompañantes e curiosos déronse cita nun evento que combinou actividade física, inclusión e espírito comunitario.

A tarde comezou cunha intensa participación nas probas infantís con 250 menores, sendo 100 deles da categoría Pitufos (3 e 6 anos), os cales saíron en tres mangas para evitar incidentes. Continuou a Andaina Saudable e Solidaria a favor de Cáritas e AECC da Laracha, na que saíron preto das 500 persoas, ateigando as rúas de Vilaño cun ambiente animado e de celebración. O participante máis novo, Rafael Martínez de Arteixo e a vilañesa Élida García de 85 anos recordáronnos que non hai idade para o deporte e a vida activa.  A carón das 19:00 saíron as categorías absoluta e xuvenil con uns 300 participantes e, como peche, unha animada masterclass de baile fitness (Salsation) fixo bailar a participantes e público por igual.

No plano máis competitivo, a carreira deixou grandes marcas. Na categoría absoluta masculina, o vencedor foi Mikel Ocerín, do Clube Acea de Ama Tri Arteixo, cun tempo de 24:06, seguido por Edgar Castelo (24:26) e Jaci Mello, do Clube Atletismo Boimorto (24:30). Na categoría absoluta feminina, impúxose a vilañesa Lucía Bracco (30:01), seguida de Berta Pan, do Clube Atletismo Coruña Comarca (30:28), e Vanessa Hervada (31:10). O colectivo máis numeroso foi o Clube Salvamento Laracha (SAL) e o centro escolar máis numero o CEIP Otero Pedrayo, sendo Umberto Bracco, pai da gañadora da proba feminina e conserxe do colexio, o que recolleu o galardón entre apertas do alumnado. O corredor de maior idade foi Antonio Hernández de 78 anos e a corredora Elvira Tresguerras, de 73. A máis rápida da Laracha foi Raquel López.

Un dos momentos máis emocionantes da xornada foi a participación de Empujando Sonrisas, Mi Princesa Rett e Marines ENKI, colectivos que traballan pola inclusión no atletismo popular e na sociedade. Os seus protagonistas Pedro, Daniela e Paula, participaron con ilusión acompañados dos seus equipos, enchendo de emoción, alegría e compromiso o percorrido.

Un ano máis, a organización contou con máis de 50 voluntarios para ofrecer os servizos de gardería, consigna, fisioterapia, avituallamento, e pinchos, entre outros. 10 deste voluntarios, identificados con panos morados, prestaron un servizo de atención á diversidade para garantir a participación plena de todas as persoas nun espazo inclusivo e accesible.

Desde a Asociación Cultural Adro de Vilaño, agradecemos profundamente o apoio e implicación do voluntariado, participantes, clubs deportivos, colectivos pola inclusión, patrocinadores e entidades colaboradoras. A VIII Carreira do Apóstolo foi, unha vez máis, moito máis ca unha proba deportiva: foi unha festa da comunidade, da diversidade e do deporte con valores.