Villar Mir vende Ferroatlántica por 170 millóns


Ferroglobe alcanzou un acordo para vender a TPG Sixth Street Partners, en asociación coa española Ithaka, o cento por cento do capital de Ferroatlántica por 170 millóns de euros.

A venda enmárcase na política de desinversións que a corporación empresarial de Juan Miguel Villar Mir está a levar a cabo para recortar a súa débeda, incluída a de 119 millóns que ten coa súa construtora participada OHL.

Isto afecta ás 10 centrais hidroeléctricas que a compañía ten na conca do río Xallas, cunha capacidade de xeración de 167 megawatts (MW), e á planta de Cee-Dumbría, que conta cunha capacidade de produción de máis de 175.000 toneladas de ferrosilicio e aliaxes de manganeso.

A operación deixa fóra activos de Ferroglobe no exterior e está suxeita ás condicións habituais deste tipo de acordos, incluída a autorización por parte da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC).