Villares presenta as listas de En Marea para as xerais

Tras semanas de declaracións cruzadas e apelacións a unha improbable confluencia, esta semana ficaron despexadas todas as incógnitas no que atinxe á concorrencia electoral das forzas políticas que nas eleccións xerais de 2015 e 2016 se presentaron baixo as siglas de En Marea, denominación daquela adoptada pola coalición de Anova, Esquerda Unida e Podemos. O venres Anova ratificaba a ruptura das negociacións con Podemos e EU para presentárense en coalición e ao día seguinte, este sábado, En Marea presentou na Coruña as súas candidaturas tras o remate do proceso de primarias.

Coa recomposición destes espazos políticos nos titulares de todos os principais medios o voceiro de En Marea, Luís Villares, apostou por reivindicar a formación como «forza cidadá» que, dixo, «non se subordina aos partidos clásicos» e por iso «non ten obediencia de ningún tipo máis que o clamor social por ampliar dereitos». Así o afirmou no acto convocado por En Marea na Coruña para iniciar simbolicamente a súa precampaña cara ao 28-A.

Villares di estar convencido de que En Marea pode ser quen de obter un apoio «maioritario» na cita coas urnas. «Estamos ante unhas eleccións nas que a cidadanía vai ter ocasión de escoller o proxecto político que mellor se acomode aos seus intereses», evidencia, e a súa oferta será a de «candidatas e candidatos que representan a diversidade social; xente que vén do mundo do traballo, do feminismo, do ecoloxismo».

Son candidaturas, agrega, que pretenden obter «representación en clave democrática, social e nacional» como primeiro paso para que En Marea sexa «decisiva» no futuro de Galicia. Neste sentido, asegura, as «únicas condicións» para «integrar esta candidatura» foron «poñer a ética por riba de calquera outra consideración» e amosar un «compromiso firme e decidido coa igualdade, co progreso social, coa idea de cohesión territorial» de Galicia e «co desenvolvemento socioeconómico do noso país». Tamén, afirma, implican a asunción de «espazos políticos abertos e transparentes».

Luís Villares pronunciouse deste xeito poucas horas despois de, ao ser cuestionado tanto pola decisión de Anova de non concorrer ás xerais como polo feito de que En Marea e a coalición de Podemos e EU vaian competir electoralmente, advertise de que o acontecido non pode considerarse como unha «ruptura» da confluencia. «Uns poucos decidiron abandonar o barco» ao non participar nas primarias de En Marea que, subliñou, rexeitou confeccionar candidaturas mediante «acordos de despacho».

O acontecido non implica, matizou, que En Marea vaia competir noutros espazos como as propias municipais coruñesas nas que, subliña, apoia á Marea Atlántica. «Se eu estivese censado na Coruña, votaría á Marea Atlántica», sintetizou Villares.


Aspirantes de En Marea ao Congreso e ao Senado, con Villares na presentación das candidaturas CC-BY-SA En Marea

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha