Villarrubia 2 – 0 Bergantiños, tocará remontada en Carballo

O Bergantiños caeu por dous tantos a cero no Nuevo Campo de Villarrubia de los Ojos en Ciudad Real, en partido de ida da fase de ascenso a Segunda B, ante o equipo local. O partido de volta será o vindeiro domingo 16 de xuño as 19:00 horas nas Eiroas en Carballo, onde os de Miguel Figueira terán que encomendarse a unha remontada se queren seguir con opcións nesta fase de ascenso.

Os de Javi Sánchez insistiron desde o principio, tiveron momentos de moi bo xogo e atoparon recompensa co gol de Fran Minaya. Foi un primeiro tempo cos nervios a flor de pel e con esa vantaxe mínima alcanzaríase o descanso.

Continuou sendo mellor e máis ambicioso o Villarrubia na segunda parte. Os de Sánchez chegaron ao tramo decisivo da tempada nun bo momento de forma e os seus afeccionados son moi optimistas coas posibilidades de ascenso do equipo. No 56 chegou o segundo gol, obra de Arroio, despois dun espectacular disparo que entrou na portería tras tocar antes no traveseiro. Pouco despois o Villarrubia marcou outro gol, pero foi anulado por posición de fóra de xogo.

Os últimos minutos foron de dominio visitante, debido a que ao Bergantiños facíalle falta un gol para ter máis opcións na eliminatoria. Pero o Villarrubia defendeuse ben e tivo en Manolo un porteiro moi seguro nos balóns aéreos. A desesperada ofensiva dos visitantes deu tamén posibilidades de contragolpe ao Villarrubia, pero o marcador xa non se movería, quedando un definitivo 2-0 que dá moitas opcións ao Villarrubia de pasar.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha