Vimiansol, o novo programa cultural de Vimianzo onde se mesturan humor, acrobacias e cine

1 minutes read
  • Os espectáculos serán de balde ata completar aforo, e desde o goberno local aseguran que se ‘priorizarán as condicións de seguridade’

O Concello de Vimianzo arranca unha nova programación de verán para todos os públicos ofrecendo unha completa programación con circo, maxia, teatro, música, cine e moito humor. Desde o goberno local aseguran que se ‘priorizarán as condicións de seguridade promovidas para as autoridades competentes’.

Pola localidade pasarán compañías premiadas en importantes festivais de rúa e moi diversas propostas en canto a estilos e disciplinas, e o público poderá gozar de espectáculos como ‘Saaabor!’, cuxos números poderán verse na gala de arranque ‘Circando’ do 11 de xullo; o show «Alquimia» do Mago Teto; e tamén poderá deleitarse coas espectaculares acrobacias aéreas de Kanbahiota.

A música estará presente no Vimiansol grazas ao dúo Caamaño-Ameixeiras e as noites de cine na rúa tamén volverán á praza do Concello acollendo a estrea do filme galego María Solinha, cuxa proxección contará coa presenza das súas actrices protagonistas, Grial Montes e Laura Míguez, así como do seu director Ignacio Vilar. O premiado filme O que arde tamén chegará á carteleira do Vimiansol o sábado 4 de xullo.

Os espectáculos serán de balde ata completar aforo, e poderanse reservar os billetes na Casa da Cultura, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Cartel programa cultural Vimiansol_Concello de Vimianzo