Vimianzo | 6º encontro sobre estratexias de desenvolvemento de vilas históricas da UE

Vimianzo

  • A actividade, que reúne representantes do consorcio de oito países, incluirá unha xornada transnacional de portas abertas

Desde este martes e ata o 1 de xullo en Vimianzo, dentro do proxecto europeo #EuSAVE, estase celebrando o 6º encontro internacional sobre o deseño de novas estratexias de desenvolvemento conxunto para poboacións históricas da UE. Unha iniciativa que incluirá o día 30 unha xornada transnacional de portas abertas, con acceso libre a todo o público interesado.

O proxecto europeo #EuSAVE – Citizens’ action for Smart Historic Villages, que lidera o concello de Vimianzo, vénse desenvolvendo desde 2018. O seu obxectivo é crear unha rede de vilas históricas europeas intelixentes que aumente a implicación e a participación dos cidadáns na vida socioeconómica das súas localidades, promovendo accións de compromiso social e definindo estratexias de desenvolvemento local baseadas nas oportunidades que ofrece o patrimonio cultural material e inmaterial deses territorios históricos como activos para o crecemento rural intelixente, sustentable e inclusivo da UE.

Este encontro internacional comporase fundamentalmente de actividades destinadas aos representantes das entidades socias do proxecto (procedentes de Italia, Croacia, Bélxica, Portugal, Bulgaria, Macedonia do Norte, Letonia e Vimianzo), como a sexta reunión transnacional de coordinación do proxecto, o workshop transnacional ‘Estratexias conxuntas e sustentabilidade da rede #EuSAVE’ e diversas visitas dos socios ao patrimonio cultural e natural de Vimianzo e da Costa da Morte, incluída unha ao festival medieval e degustacións dos ‘Pinchos Irmandiños’.

Xornada trasnacional

Esta actividade terá lugar na Casa da Cultura e comezará ás 12:00 coa apertura e benvida por parte da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, e a presentación do proxecto e os seus resultados en cada país socio, cun itinerario virtual por cada territorio e polas leccións aprendidas. A continuación, o especialista en patrimonio cultural Manuel Rial Santos falará sobre «O patrimonio cultural de Vimianzo: desde os dolmens ata a actualidade». A xornada proseguirá a partir das 16:30 cun relatorio titulado «O Camiño de Santiago en Galicia e a Costa da Morte», a cargo do xornalista e historiador Antón Pombo, e cunha mesa redonda que acollerá tres puntos de vista sobre o patrimonio rural: Jesús Picallo (vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia) falará sobre as iniciativas de posta en valor do patrimonio cultural na Costa da Morte; Francisco Xabier Almuíña Chorén (presidente de FEGATUR) fará o propio coa importancia do patrimonio no turismo rural; e Alexandra Seara Sobrino (xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra) disertará sobre as iniciativas de posta en valor do patrimonio cultural na Ribeira Sacra.