O Concello de Vimianzo aprobou en Xunta de Goberno Local as bases para os Vimi-Bonos, unha proposta de 178.000 euros destinada á reactivación do comercio e hostalería locais. Desde o goberno municipal decidiuse facer un “esforzo económico importante” nun momento excepcional para mover esta cantidade no tecido comercial local.
Cóntase que estean recollidas no Boletín Oficial da Provincia a finais de semana para que todas as persoas interesadas poidan solicitalos. Cabe destacar que están dirixidos a persoas maiores de 18 anos empadroados e empadroadas en Vimianzo, e que constan de 25 euros cada un.
Baixo o lema ‘Vimianzo medra contigo!’, o Concello levará a cabo outra serie de accións ademais destes Vimi-Bonos. Serán os Vimi-Rascas ou o asesoramento para posterior posicionamento en redes sociais e web de cada comercio e local de hostalería, para que nun primeiro momento poidan ter os coñecementos iniciais e sacarlle o mellor partido ao seu negocio.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destaca que “este compendio de accións responden a unha serie de necesidades que detectamos logo de reunirnos varias veces cos representantes tanto de comercio como de hostalería. Estamos nun contexto de emerxencia, e por iso aprobamos unha modificación orzamentaria. Para tratar de paliar os efectos da pandemia no tecido comercial do noso municipio”, incide.