Vimianzo | Aberta ao tráfico a estrada que conecta Baíñas con Olveira

1 minutes read

O Concello de Vimianzo abriu ao tráfico este venres a estrada que conecta Baíñas con Olveira, en Dumbría, tras o remate das obras da ODT, en virtude de mellorar as conexións interurbanas. Visitaron os traballos a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o tenente de alcaldesa, Víctor Muíño.

Esta semana remataron as tarefas de pintado das marcas viais e as colocacións de barantas, últimos detalles para que se poida circular por esta vía, cunha alta demanda de tráfico tanto pola veciñanza como por vehículos comerciais.

Así, construiuse unha nova ponte sobre o rego das Touzas, e tamén se procedeu á reparación do firme nunha lonxitude de 1.100 metros cunha nova capa de aglomerado. O paso sobre a auga estaba resolto ata agora, mediante un marco de formigón, conformando un estreitamento do río neste punto, o que provocaba que en época de fortes choivas se asolague a zona. Esta circunstancia supoñía un grave risco na seguridade viaria, ademais do constante deterioramento do firme.

“Trátase dunha obra fundamental para a veciñanza tanto de Vimianzo como de Dumbría, tamén para as persoas que empregan esta estrada con fins comerciais e por traballo”, sinala o tenente de alcaldesa, Víctor Muíño, quen afirma que “damos solución así a unha demanda histórica”.