Vimianzo | Aberto o prazo de solicitudes para realizar as fogueiras San Pedro e San Xoán

PEXELS

  • O prazo remata ás 13.00 horas do 17 de xuño, e as persoas responsables deben ser maiores de idade

O Concello de Vimianzo abre o procedemento para a solicitude de permisos de cara á realización das cachelas de San Pedro e San Xoán. O prazo rematará o 17 de xuño ás 13:00 horas. As persoas responsables terán que ser maiores de idade.

Na zona urbana, o volume de combustible do lume non pasará dos 3 metros de perímetro nin 1 metro de altura. No rural, non poderá exceder os 6 metros de perímetro nin os 3 metros de altura. A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano. As cachelas non deberán estar situadas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin tampouco nos arredores dalgún local onde se almacenen produtos inflamables.

Queda prohibida a queima de rodas, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, aerosois (aínda que estean baleiros) e, de xeito xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. As organizacións atenderán as indicacións da Policía Local e dos Bombeiros. Non se aproveitará a cachela para queimar restos domésticos, agrícolas ou forestais.

O Concello de Vimianzo, por iniciativa propia ou a instancia do Servizo Provincial de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais ou das autoridades sanitarias, poderá revogar a autorización que se dea nos casos nos que non sexa posible garantir as medidas de seguridade e de prevención de incendios. A autorización dada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas que se produzan no caso que concorra neglixencia ou imprudencia.

Máis información chamando ao teléfono 981 71 60 01.