Vimianzo acende o Nadal, que contará tamén cunha pista de xeo natural cuberta

Navidad en Vimianzo

  • Rumoreábase na vila que a Estación Espacial Internacional estivo varios minutos parada sobre Vimianzo para contemplar o abarrote e o cegue das luces na Praza do Concello.

Vimianzo acendeu este venres o Nadal co espectáculo de rúa a cargo da Troula de Animación “A luz do Nadal” e a presentación da programación cultural “Vive o Nadal en Vimianzo” para as festas. Por primeira vez, instalarase unha pista de xeo natural cuberta para que a veciñanza desfrute cos patíns.

Ao acto, celebrado na praza do Concello, acudiron as concelleiras e concelleiros do grupo de Goberno. O comercio e hostalaría vimianceses obsequiaron ás persoas asistentes con vales desconto baixo a denominación de chocorascas, xa que houbo tamén degustación de chocolate con churros. Cada vasiño daba a posibilidade de obter descontos no comercio ou cafés de balde na hostalaría.

Espectáculo de animación nunha Praza do Concello ateigada de xente, a pesares da choiva.

Este sábado día 4 de decembro terá lugar o espectáculo ‘Pioneiras’ ás 20:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura. Unha cita coa danza que aúna nunha experiencia infinitos tipos de mulleres, desterrando o prexuízo sobreo xénero e que servirá como homenaxe ás pioneiras que iniciaron a batalla pola igualdade.

O día 11 de decembro, tamén na Casa da Cultura ás 12:00 horas haberá un concerto da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia. Pola tarde, quenda de “Estrela de día” a cargo de P.T. Excéntricas ás 20:30 horas tamén neste espazo.

Os días 14 e 17 de decembro celebraranse varias videoconferencias con Papá Noel na Aula CeMIT, con horario as 10:30 horas.

O día 18 de decembro proxectarase “El Grinch” ás 18:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura.

O 19 de decembro, o espectáculo dos Bolechas “O Crebanoces” copará novamente o Auditorio da Casa da Cultura ás 18:30 horas. Unha hora máis tarde, entregaranse os premios do Concurso de Postais de Nadal impulsado polo Concello de Vimianzo.

Os días 20 e 23 de decembro, Papá noel visitará os centros sociais e animará as rúas do municipio.

Duende Sico representará “A mestra da lngua” ás 11:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura o 24 de decembro. Unha hora máis tarde, ás 12:30 horas, terá lugar a recepción de Papá Noel, que recibirá as misivas dos máis pequenos.

O 26 de decembro celebrarase a Festa de Nadal na Casa da Cultura co concerto de Mamá Cabra ás 18:30 horas e unha chocolatada ás 19:30 horas.

Durante o derradeiro día do ano, o 31 de decembro, Teatro Calavera emocionará á rapazada coa Festa Infantil Fin de Ano ás 12:00 horas.

Comezaremos o ano co Mago Richard e o seu “Conto de Nadal” o día 2 de xaneiro ás 18:30 horas.

As súas Maxestades de Oriente percorrerán as parroquias o 5 de xaneiro, e haberá unha recepción Real ás 20:00 horas na praza do Concello.

Pecharán a programación o Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música o día 8 de xaneiro ás 18:30 horas e o Duatlón de Reis, o día 9 de xaneiro en Castromil, puntuable para o Circuíto Galego de Duatlón de Cros.

Nadal con Irma Macías

Do 22 ao 30 de decembro, Irma Macías deleitará cos “Contos de Nadal” ás persoas das 14 parroquias de Vimianzo. Acodirá á Escola de Berdoias, de Cambeda, de Carantoña, de Cereixo, de Serramo, de Tines, de Treos, de Bamiro,  de Baíñas, de Castrelo, de Pasarela, ao Centro Cultural de Carnés, ao Salón Parroquial de Castromil e á Casa da Cultura.

Pista de xeo natural por primeira vez en Vimianzo

O Concello de Vimianzo, noutra das súas firmes apostas pola dinamización do comercio e hostalaría locais, instalará do 17 de decembro ao 9 de xaneiro unha pista de xeo natural cuberta para toda a veciñanza. Haberá unha app móbil para efectuar o pago e o centro deste espazo contará coa serigrafía do Concello.

Todas as actividades estarán organizadas baixo un estrito protocolo da COVID-19, sendo obrigatorio o emprego de máscara sanitaria. Haberá a disposición das persoas usuarias xel hidroalcohólico no desenvolvemento das mesmas e poderán sofrir variacións en función do contexto sanitario.