Vimianzo acenderá o Cepo de Nadal na lareira do Castelo o martes 23 de decembro

O Concello de Vimianzo acenderá o vindeiro martes, 23 de decembro, o Cepo de Nadal na lareira do Castelo. O acto dará comezo ás 11:00 horas.

Trátase dunha tradición que se remonta aos antigos pobos celtas, quen o 21 de decembro, o día máis curto de luz solar, celebraban o solsticio de inverno. Esta celebración tiña lugar no alto dunha montaña e alí queimábase parte dun tronco na honra ao nacemento do novo sol. O resto do tronco, ao que se lle atribuían propiedades máxicas, conservábase todo o ano.

Esta tradición mantívose en moitas casas de Vimianzo, nas que durante a Noiteboa e até Aninovo se poñía na lareira, previamente limpa, un cepo do que só se queimaba a metade. O resto conservábase todo o ano e só se ardía no caso de querer salvagardar a casa dun mal ou dunha gran tormenta para protexerse dos raios.

As cinzas que quedaban do medio cepo queimado reservábanse para empregalas como fertilizantes para as terras de cultivo ou para preparar algún remedio dalgunha doenza, como febres.

Desde o Concello animan á veciñanza a achegarse ata o Castelo para gozar deste máxico momento de acender o cepo, “un acto simbólico que nos devolve ás nosas raíces e que contaxia a maxia destas datas dunha maneira moi especial”.

Related posts

Activa para este sábado unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra

Papá Noel percorrerá as rúas de Camariñas o mércores 24 de decembro

Afaber reparte, por segundo ano consecutivo, etiquetas inspiradas no Nadal polo comercio local de Bergantiños