Vimianzo acollerá ata maio a ‘Primavera en familia’, programación cultural para público infantil

2 minutes read

A sala de conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo acolleu este venres a presentación de ‘Primavera en familia’, a programación cultural deseñada para público infantil que se desenvolverá no Auditorio municipal ata o mes de maio.

Á presentación destas novas propostas de artes escénicas acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a técnica de Cultura, Nieves Lema.

‘Primavera en familia’, que conta co apoio da Deputación da Coruña e a Rede Galega de Teatros e Auditorios, está formada por seis espectáculos de maxia, títeres, teatro e música. Case todas as funcións terán lugar os domingos, ás 18:30 horas.

A programación arrincará o próximo xoves, 23 de febreiro, con Contos nunha roda de Tarabelos. Esta función, destinada exclusivamente aos centros de ensino de Vimianzo, servirá para conmemorar o Día de Rosalía coa rapazada.

O domingo, 19 de marzo, será a quenda do Mago Paco, quen achegará ás familias a súa divertida e participativa Ledicias 2.0.

Xa no mes de abril, o domingo 2, Títeres Brincadeira e Carmen Domech concienciarán aos nenos e nenas fronte á violencia de xénero coa historia A carteira de Augasclaras.

A xornada do domingo 16 terá un enfoque máis social con Hugo, de Os Náufragos Teatro. Este espectáculo pretende sensibilizar e dar visibilidade ao trastorno de espectro autista (TEA).

Para esta obra a entrada terá un custo de 2 euros e o recadado será doado á Asociación Galega de Asperger, a cal loita por un futuro de inclusión para as persoas con TEA.

Finalmente, o mes de abril (domingo 30) despedirase coa compañía local Osoldeoutono, liderada pola artista Soraya Lema, que estreará o espectáculo Historia dunha nena namorada do mar.

O ciclo de ‘Primavera en familia’ pecharase o sábado 6 de maio co musical Hablemos de Bruno, de Pares-Nones Producciones. Un tributo á película Encanto. A cita será ás 17:00 horas.

As entradas son de balde con reserva ata completar aforo, a excepción de Hugo que terá un custo de 2 euros e o musical Encanto, que será a 12 euros sen incluír gastos de xestión.

Reserva de entradas en woutick.es e na billeteira da Casa da Cultura de luns a venres de 9:30 a 14:00 horas. A billeteira abre 1 hora antes do inicio do espectáculo.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?