Vimianzo acollerá durante cinco días a iniciativa ‘A vila do mañá’


Trátase dunha proposta lúdico educativa dirixida á rapazada para avaliar e recuperar a identidade dos seus pobos e cidades. A localidade soneirá formará parte deste proxecto tras ser seleccionada para a XII BIAU (Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo).

Nos últimos anos esta iniciativa desenvolveuse en distintas localidades galegas chegando mesmo ata San Paulo, no Brasil. No caso de Vimianzo, as actividades e obradoiros desenvolveranse do 29 de agosto ao 2 de setembro. A programación contará cun total de 40 prazas e poderán inscribirse os nenos e nenas nados entre o 2010 e o 2016.

O reto principal deste proxecto é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa no proceso de construción dos espazos comúns, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura.

Deste xeito, a rapazada poderá desfrutar de actividades gratuítas relacionadas ca arte e a arquitectura nas rúas e espazos públicos de Vimianzo a través de seis conceptos: a percepción, o espazo, a paisaxe, a escala, a sustentabilidade, a vila, e con ferramentas coma o punto, a liña o plano e o elemento natural e tridimensional. Os obradoiros desenvolveranse de  10:00 a 14:00 horas e de  16:00 a 20:00 horas.