O encontro reunirá a profesionais de distintos ámbitos para compartir experiencias e coñecemento arredor do liderado feminino, especialmente no ámbito rural. A deputada de Industria e Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou este venres en Vimianzo, xunto coa alcaldesa do municipio e tamén deputada provincial, Mónica Rodríguez, na presentación da segunda edición deste foro.
Mónica Rodríguez, destacou o valor de acoller este tipo de encontros no municipio, «que contribúen a dinamizar o territorio, a xerar oportunidades e a visibilizar e poñer en primeiro plano o talento e a capacidade das mulleres da Costa da Morte».
Pola súa banda, Rosa Ana García salientou que «é fundamental que as administracións apoiemos iniciativas que visibilicen o talento das mulleres no rural e que contribúan a crear oportunidades reais de desenvolvemento profesional e persoal». A deputada subliñou tamén a importancia de «tecer redes de colaboración entre institucións e axentes do territorio para fortalecer o papel das mulleres e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria».
Un foro de referencia en Galicia
Alza Voz de Muller consolídase como un espazo de referencia en Galicia para a reflexión, o intercambio de experiencias e a creación de sinerxías arredor do liderado feminino. O programa desta segunda edición está deseñado para xerar impacto e favorecer a conexión entre profesionais, emprendedoras e axentes sociais.
O foro contará coa participación de recoñecidas profesionais como María Fornet, psicóloga e autora; Yolanda Domínguez, artista visual e consultora; e Laura Sagnier, activista pola equidade, que abordarán cuestións clave para o fortalecemento do liderado feminino e o impulso de proxectos innovadores no ámbito rural.