Vimianzo acollerá o luns 28 unha exhibición solidaria da Garda Civil


Desenvolverase no Polideportivo Municipal en horario de 10:00 a 14:00 horas pola mañá, para escolares e persoal dos centros educativos e de 16:00 a 19:00 horas pola tarde, para público en xeral.

Durante a mesma, as forzas e corpos de seguridade que integran as unidades da Garda Civil da provincia, darán a coñecer as técnicas de investigación e rescate, así como os instrumentos e material cos que actúan.

Outro dos puntos fundamentais desta demostración será a mostra de traballo de campo con exhibicións tales como demostracións de guías caninos de detección de drogas, helicóptero, vehículos varios ,motocicletas e 4×4, equipos de Policía Xudicial, etc.

As persoas interesadas en acudir e, que así o desexen, poderán colaborar entregando calquera alimento non perecedoiro, nun dos postos que quedarán habilitados para tal fin na propia entrada do recinto deportivo. Desde leite, arroz, auga, legumes, produtos de aseo… Todos serán aceptados para colaborar nunha boa causa e serán doados a ONG’s.

Dende o Concello de Vimianzo agradecen á Garda Civil o pensar nas súas instalacións para levar a cabo unha actividade de divulgación moi interesante e necesaria, ademais de tratarse dun evento con fins solidarios.