Vimianzo acollerá un encontro pioneiro para mulleres líderes, emprendedoras e profesionais do rural galego

Os vindeiros 6 e 7 de xuño a Casa de Cultura de Vimianzo acollerá o I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte “Alza  Voz de Muller”, unha experiencia transformadora coa que se busca derrubar barreiras culturais, fomentar o diálogo e construír redes de apoio entre mulleres líderes, emprendedoras e profesionais.

O evento, promovido polo Concello de Vimianzo coa colaboración da Deputación da Coruña, estenderase durante dúas intensas xornadas nas que se abordarán cuestións como a conciliación, o liderado con perspectiva de xénero, a autonomía económica, o emprendemento no rural e a creación de alianzas entre mulleres. O evento contará con participantes de referencia e con espazos de reflexión colectiva, situándose coma un encontro único na comarca.

O programa ao detalle

O evento comezará o venres 6 de xuño cunha benvida ás persoas asistentes e a entrega dun kit de recibimento. Haberá un espazo de networking inicial ao que continuará, ás 16:00 horas, a inauguración institucional a cargo da alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a deputada de Emprego, Rosa Ana García.

Ás 16:15 comezará a primeira poñencia, na que se abordará a necesidade de contar con espazos para mulleres que lideran e emprenden.

Ás 17:45 horas terá lugar unha mesa diálogo sobre liderado feminino innovador, na que creará unha conversa sobre os novos liderados que necesitamos: empáticos, colaborativos e con perspectiva de xénero. Nela participarán mulleres inspiradoras e referentes como, por exemplo, Carmen Lence.

Continuará con outra mesa diálogo, ás 18:30 horas, sobre como emprender desde o rural. Abordaranse as barreiras, os retos e as oportunidades para as mulleres que toman a decisión de emprender no rural. Nesta contaremos coas experiencias de mulleres da nosa contorna máis próxima.

Ás 19:15 horas haberá un cóctel de conexión e networking no Castelo de Vimianzo, amenizado pola música de Irma Macías e Luís Pinto.

O sábado, día 7 de xuño, o evento comezará ás 09:45 horas cunha apertura desde o simbólico, artístico e emocional da man de Tanea Caamaño.

Ás 10:00 horas terá lugar a primeira mesa redonda do día, na que mulleres políticas compartirán espazo para falar sobre retos, aprendizaxes e estratexias para exercer liderado desde postos de toma de decisións. Estará protagonizada polas catro mulleres alcaldesas da Costa da Morte.

Seguiralle a quenda de intervencións Yolanda Domínguez, quen, baixo o título ‘As mulleres facturan’, abordará a autonomía económica, a cultura do diñeiro e como romper coa idea de que o diñeiro non é cousa de mulleres.

Tras unha pequena pausa para o café, ás 12:30 horas o grupo local ‘Teté Teatro’ realizará un sketch no que ofrecerán unha mirada crítica, desde o humor e creatividade, sobre as realidades cotiás das mulleres.

Ás 12:45 horas Laura Sagnier protagonizará a segunda poñencia do día. Nesta ocasión falará sobre ‘A lousa de formigón. Conciliación e desigualdades de tempos’, na que a abordará a falta de corresponsabilidade e as expectativas sociais condicionan as nosas traxectorias profesionais e emprendedoras.

A quenda de tarde comezará, ás 15:30 horas, cunha mesa diálogo sobre os mitos, crenzas e mandatos de xénero no traballo e no emprendemento. Nesta ocasión falarase sobre as reflexións compartidas, como socializan ás mulleres para o coidado e como impacta iso na súa autonomía e desenvolvemento profesional. Entre as participantes está Obdulia Taboadela, María Fornet e Yolanda Domínguez.

Ás 16:30 horas María Fornet falará sobre ‘Mentalidade expansiva para mulleres profesionais e emprendedoras’, na que compartirá coas persoas asistentes as súas opinións sobre como ampliar o universo de posibilidades das mulleres e pensar en grande, desde unha perspectiva feminista e transformadora.

Ás 18:00 horas terá lugar a mesa de diálogo final, sobre redes, alianzas e poder colectivo con Gema Domínguez, xestora de comunicación de Coca-Cola Europacific Partners; Tamara Conesa, orientadora laboral e representante de Fundación Mujeres; e Teresa Antelo, representante de ASER. Nela estudiarase a importancia de tecer redes entre mulleres profesionais e emprendedoras para transformar realidades. Compartiranse experiencias, oportunidades, erros e aprendizaxes.

Por último, ás 19:00 horas, Rocío Caamaño pechará este foro cunha despedida simbólica e musical para alzar as nosas voces unidas.

Entradas

As persoas interesadas en participar poden inscribirse de maneira gratuíta a través da páxina web alzavozdemuller.com

Related posts

O presidente da Xunta participou no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado este venres no Miradoiro de Fisterra

Carballo impulsa o programa C4S para fortalecer os negocios turísticos locais

A Xunta avalía os dous últimos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte