Vimianzo acollerá un paseo astronómico polo Castro das Barreiras e unha exposición de astrofotografía

O Concello de Vimianzo celebrará o vindeiro 19 de setembro unha xornada adicada á observación e divulgación do ceo estrelado, cun dobre evento que terá como escenarios a Casa da Cultura e o Castro das Barreiras, en San Xoán de Cambeda.

Ás 20:00 horas, abrirase ao público a mostra “Exposición de Astrofotografía, Edición 2025”, na sala de exposicións Antón Mouzo. A exposición reúne 25 imaxes astronómicas de recoñecidos autores e autoras, entre eles Marcos López Alonso, Alfredo Madrigal, Ferran Boosch, Juan Manuel García, Leoncio Peiro, Mikel Díaz, Nico Sisto, Quiqué Pererra, Rafa Ruiz, Raúl Villaverde, Domingo Pestana e Jose Aceituno. As fotografías permitirán á cidadanía viaxar por obxectos e fenómenos celestes de grande beleza e complexidade, resultado do traballo e da paixón de destacados astrofotógrafos.

Xa entrada a noite, ás 21:30 horas, terá lugar a charla-coloquio “Un paseo polas estrelas” no Castro das Barreiras. O encontro, conducido por Marcos López Alonso, coordinador da Sección de Astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural e vicepresidente da Asociación Fotografía Ferrolterra, será unha oportunidade para interpretar o ceo nocturno e reflexionar sobre a súa relevancia como patrimonio natural e cultural.

A concelleira de Turismo, Beatriz Pazos, subliñou que “con esta programación, Vimianzo reafirma a súa aposta pola divulgación científica e pola conservación do noso ceo escuro, que é unha das maiores riquezas da Costa da Morte”. Engadiu tamén que “estas iniciativas contribúen a situar o noso concello como referente no ámbito do astroturismo, ofrecendo experiencias únicas que combinan ciencia, natureza e cultura”.

Estas actividades, organizadas polo Concello de Vimianzo en colaboración coa SGHN, a Asociación Fotografía Ferrolterra e a Asociación Costa da Morte de Astroturismo, forman parte da estratexia municipal para potenciar o territorio como destino Starlight, poñendo en valor a calidade do seu firmamento e a súa protección fronte á contaminación lumínica.

Related posts

O CIS dá unha vantaxe de 9 puntos ao PSOE sobre o PP no seu barómetro de setembro

«Stay», el nuevo single de Dj Frisco y Marcos Peón

Polonia activa o artigo 4 da OTAN tras derrubar drons rusos no seu espazo aéreo