Vimianzo será unha das 470 localidades españolas que participarán nesta VIII edición do Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais, organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación co obxectivo de reivindicar o papel das mulleres a través do cine.
A programación inclúe 800 proxeccións e actividades nas 17 comunidades autónomas, cunha proxección en cada provincia. O ciclo consolídase como unha plataforma cultural de referencia que visibiliza e recoñece as realidades, desafíos e achegas das mulleres rurais.
En Vimianzo a cita terá lugar o mércores 15 de outubro ás 19:00 horas, coa proxección do filme ‘Los Destellos’, de Pilar Palomero. A película narra a historia de Isabel, unha muller que, tras quince anos afastada do seu exmarido Ramón, vese obrigada a volver a velo. Nela comezan a reavivarse resentimentos que cría superados. Porén, ao acompañar a Ramón no seu momento máis vulnerable, Isabel consegue ver con outros ollos o fracaso que viviron para centrarse no presente da súa propia vida.
Desde o Concello sinalan que é “unha honra formar parte, un ano máis, dun proxecto nacional tan importante e no que se reivindica o papel das mulleres rurais. O cine é unha ferramenta moi poderosa e agrádanos empregala para poñer en valor algo tan importante”.