O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, puxeron este sábado en valor o papel da pesca deportiva na conservación dos ecosistemas fluviais e no coidado das súas contornas. Felicitaron aos galardoados da gala e agradeceron o labor que desenvolve a Federación Galega de Pesca e Casting.
Cómpre lembrar que este encontro, que se celebra cada catro anos, ten como obxectivo honrar aos seus mellores e máis representativos deportistas, recoñecendo tanto os méritos estritamente deportivos —campións autonómicos, de España e do mundo nas categorías absoluta, veteranos, xuventude e damas, tanto en augas continentais como marítimas— como o labor de promoción da pesca sostible e a defensa dos ríos.
O conselleiro, a maiores, subliñou que “un pescador comprometido e responsable é o mellor gardián dun río” porque é o primeiro interesado en que as augas baixen limpas, en que as ribeiras estean coidadas, en que se respecten os caudais ecolóxicos e en que a biodiversidade fluvial estea en bo estado.
De feito, Vázquez Iglesias sinalou que os pescadores son “os primeiros ollos no territorio” á hora de detectar calquera incidencia, vertedura ou presenza de especies exóticas invasoras que poidan supoñer unha ameaza para a riqueza piscícola autóctona. Tal e como dixo o conselleiro, a pesca ensina a ler o comportamento da auga, a entender o clima, a respectar os tempos da natureza e a aceptar con deportividade tanto as boas xornadas como aquelas nas que se obteñen capturas.
Ademais, nese compromiso coa sostibilidade, esta actividade tamén evolucionou cara a prácticas cada vez máis respectuosas, como a pesca sen morte, que hoxe é o eixo das principais competicións e da formación dos máis novos.
Así mesmo, logo de indicar que a pesca forma parte da identidade cultural galega, Nicolás Vázquez engadiu que ten tamén unha importante vertente social e económica xa que atrae visitantes, dinamiza a vida das parroquias e facilita a convivencia entre persoas de distinta procedencia e de diferentes xeracións.
Nese senso, o conselleiro fixo fincapé no reto que supón a remuda xeracional nesta práctica deportiva e puxo en valor o traballo que desenvolven as Escolas de Río sementando a afección e espertando a conciencia ecolóxica da mocidade. En concreto, ensinan aos máis novos a identificar especies autóctonas, a respectar as vedas, a coidar do equipo de pesca e a desfrutar da natureza ao aire libre. “É unha das melloras escolas de educación ambiental e de vida que lles podemos ofrecer”, aseverou o conselleiro.
Nicolás Vázquez, que tamén estivo acompañado do secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz.
