Vimianzo acolleu a presentación do proxecto ‘A Costa das Mulleres’

2 minutes read

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou en Vimianzo o apoio da Xunta ao medio rural para combater a violencia de xénero no acto de presentación do proxecto A Costa das Mulleres: experiencias de mulleres da Costa da Morte e vídeos contra a violencia de xénero, unha iniciativa impulsada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), que inclúe un documental e microvídeos gravados por nenos e nenas para facer fronte aos micromachismos. Na xornada tamén participou por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural o subdirector xeral de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco, así como a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez..

Todos coincidiron en destacar a importancia de levar a cabo actuacións para previr a violencia de xénero no medio rural galego. A Xunta está a investir, a través dun convenio de colaboración entre as consellerías de Emprego e Igualdade e do Medio Rural, un total de 250.000 euros, máis do dobre con respecto ao acordo asinado en 2019, en accións de formación, prevención e sensibilización para facer fronte á violencia de xénero no rural. A través desta actuación desenvólvense medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A través deste convenio de colaboración, lévanse a cabo diferentes actuacións como son a elaboración de material específico para a prevención e a sensibilización fronte á violencia de xénero, así como para o apoio e información das vítimas. Tamén se desenvolven campañas relacionadas coa loita contra a violencia machista, charlas divulgativas ou unha acción de difusión en redes orientada ás mulleres maiores do rural. Así mesmo, contémplanse actividades formativas como a formación técnica sobre programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero, ademais da organización dunha xornada de conclusión de resultados coa participación e colaboración dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) da comunidade.